venres, 26 de febreiro de 2016

OS NENOS E NENAS DECIDIMOS CONTARVOS...

Hoxe recordamos o que fixemos durante a semana e vimos as fotos que fomos sacando. As que máis nos gustaron foron as fotos da biblioteca e tamén os traballiños que fixemos en equipos. Fixemos unha votación para ver cal publicábamos no blog e mirade o que pasou...


Un empate en toda regla!!!! Así que nesta entrada contarémosvos cousas do noso recuncho da biblioteca e tamén vos falaremos un pouquiño dos nosos traballiños en equipo, en concreto un sobre os animais domésticos e salvaxes.
 
A BIBLIOTECA
Na nosa biblioteca temos moitos libros que miramos a diario, como unha rutina máis da mañá, despois de merendar collemos un conto e miramos as súas follas, ás veces soliños e outras gústanos compartir a "lectura" coas nosas amiguiñas e cos nosos amiguiños.
Temos unha cousa moi clara e é que os libros son os nosos amigos, e como tales, temos que coidalos, non danalos nin golpealos e por suposto nada de rompelos. Tamén sabemos que temos que colocalos ben no seu estante, para ter unha biblioteca ordenada e que os libros estén "contentos".
Dentro da nosa biblioteca temos un par de estantes que dedicamos á temática que estamos a traballar, neste caso: O CORPO. Neles colocamos os libros que sacamos da biblio do cole e tamén aqueles que traemos da casa para compartir cos demáis.
 
 
ANIMAIS DOMÉSTICOS E ANIMAIS SALVAXES
 
Como xa sabedes, estamos nun proxecto sobre protexer os animais e xa durante todo o curso fixemos cousiñas relacionadas con este tema. Desta volta tocounos investigar sobre os animais domésticos e os salvaxes e fixémolo en equipo.
Os nosos equipos son equipos de aprendizaxe cooperativa: cooperamos para aprender e aprendemos a cooperar. Isto é: estamos divididos en equipos de 3-4 membros e de cando en vez reunímonos para realizar algunhas actividades. Nestas reunións témonos que poñer de acordo no que imos a facer e cómo o imos a facer, e todos temos que poñer o noso gran de area para realizar a actividade e que remate con éxito.
Neste caso pintamos unha paisaxe doméstica e outra salvaxe, para elo decidimos que parte pintábamos cada un e qué cores íbamos a utilizar. Despois colocamos os animais domésticos na casa e no establo e os salvaxes na selva, sempre preguntando aos compañeiros se estaban de acordo na nosa decisión. E para rematar, puxemos o nome nos nosos equipos e un debuxo representativo, nomes que escribimos entre os membros do equipo e debuxos que coloreamos tamén entre todos.
 
Aquí estamos traballando en equipo:

 
E aquí os resultados dos nosos traballos:
 
Bicos e apertas para todos e todas!

xoves, 25 de febreiro de 2016

DÍA DE ROSALÍA (24 DE FEBREIRO)

Onte celebrouse o Día de Rosalía de Castro e nós para conmemoralo escoitamos as cancións do libro Rosalía Pequeniña, cantado por Uxía e aprendimos dúas estrofas do poema Vente Rapasa que se recollen no libro Parece unha rosa.

¡Ai! ¡Que meniña!
Que nena preciosa,
despois de lavada,
parece unha rosa.



E este meniño
que teño no colo,
despois de lavado,
parece un repolo.

Para levar como recordo deste día para a casa, cada un de nós decidiu qué quería facer, se un repolo ou unha rosa. Picamos, dobramos e pegamos e quedáronnos unhas rosas e uns repolos fermosísimos.
Esperamos que a vós vos gusten tanto como a nós.
Bicos e apertas!

venres, 19 de febreiro de 2016

BENVIDOS AO NOSO BLOG!

Ola a todas e a todos!
Somos as nenas e os nenos da aula de 3 anos do CPI do Feal e queremos invitarvos a que visitedes o noso blog e disfrutedes coas pequenas cousas do noso día a día.
 
Para comezar contarémosvos que esta semana temos que agradecer a tres alumnas de secundaria que nos fixeron coas súas propias mans uns xoguetes artesáns: MOITAS GRAZAS!
 
Seguimos cos agradecementos... Desta volta queremoslle dar as GRAZAS ás familias de Itziar, Adrián, Lucas Soto e de Paula por participar no III Concurso de Máscaras de Entroido, fixéstedes un gran traballo! Que fermosas as catro!

 
E xa para rematar, contarvos que esta semana estivemos a falar do amor e da amizade, tan importantes nas nosas vidas, limos contos e tamén participamos cos nosos debuxos no Concurso de Declaracións de amor do colexio... Caerá algún premio na nosa aula?

 
Os contos lidos foron:
  • Un amor de botón. Pauline Carlioz. Editorial Edelvives.
  • Adiviña canto te quero. Sam McBratney. Editorial Kókinos.
  • Así es mi corazón. Jo Witek. Bruño Editorial (Cubilete).
  • Besos Besos. Selma Mandine. Editorial Jaguar (Miau).
  • Te quiero (casi sempre). Anna Llenas. Espasa Libros.
 
E ata aquí o resumo desta semana, esperamos que vos guste.
Bicos e apertas!