venres, 26 de febreiro de 2016

OS NENOS E NENAS DECIDIMOS CONTARVOS...

Hoxe recordamos o que fixemos durante a semana e vimos as fotos que fomos sacando. As que máis nos gustaron foron as fotos da biblioteca e tamén os traballiños que fixemos en equipos. Fixemos unha votación para ver cal publicábamos no blog e mirade o que pasou...


Un empate en toda regla!!!! Así que nesta entrada contarémosvos cousas do noso recuncho da biblioteca e tamén vos falaremos un pouquiño dos nosos traballiños en equipo, en concreto un sobre os animais domésticos e salvaxes.
 
A BIBLIOTECA
Na nosa biblioteca temos moitos libros que miramos a diario, como unha rutina máis da mañá, despois de merendar collemos un conto e miramos as súas follas, ás veces soliños e outras gústanos compartir a "lectura" coas nosas amiguiñas e cos nosos amiguiños.
Temos unha cousa moi clara e é que os libros son os nosos amigos, e como tales, temos que coidalos, non danalos nin golpealos e por suposto nada de rompelos. Tamén sabemos que temos que colocalos ben no seu estante, para ter unha biblioteca ordenada e que os libros estén "contentos".
Dentro da nosa biblioteca temos un par de estantes que dedicamos á temática que estamos a traballar, neste caso: O CORPO. Neles colocamos os libros que sacamos da biblio do cole e tamén aqueles que traemos da casa para compartir cos demáis.
 
 
ANIMAIS DOMÉSTICOS E ANIMAIS SALVAXES
 
Como xa sabedes, estamos nun proxecto sobre protexer os animais e xa durante todo o curso fixemos cousiñas relacionadas con este tema. Desta volta tocounos investigar sobre os animais domésticos e os salvaxes e fixémolo en equipo.
Os nosos equipos son equipos de aprendizaxe cooperativa: cooperamos para aprender e aprendemos a cooperar. Isto é: estamos divididos en equipos de 3-4 membros e de cando en vez reunímonos para realizar algunhas actividades. Nestas reunións témonos que poñer de acordo no que imos a facer e cómo o imos a facer, e todos temos que poñer o noso gran de area para realizar a actividade e que remate con éxito.
Neste caso pintamos unha paisaxe doméstica e outra salvaxe, para elo decidimos que parte pintábamos cada un e qué cores íbamos a utilizar. Despois colocamos os animais domésticos na casa e no establo e os salvaxes na selva, sempre preguntando aos compañeiros se estaban de acordo na nosa decisión. E para rematar, puxemos o nome nos nosos equipos e un debuxo representativo, nomes que escribimos entre os membros do equipo e debuxos que coloreamos tamén entre todos.
 
Aquí estamos traballando en equipo:

 
E aquí os resultados dos nosos traballos:
 
Bicos e apertas para todos e todas!

Ningún comentario:

Publicar un comentario